Seis anos despois, comezou a reparación do firme da A-6
Trabállase no tramo entre Lugo e Vilafranca do Bierzo
Os transportistas piden que as obras rematen canto antes
As máquinas traballan nun tramo de dous quilómetros da autovía do Noroeste entre os concellos do Corgo e Baralla. As obras de reparación do firme abranguen o traxecto entre Lugo e Vilafranca do Bierzo, 73 quilómetros, polo que poden prolongarse durante meses. Os transportistas cren que estes traballos tiñan que comezar hai anos.
Hai seis anos que se acordou por unanimidade no Congreso dos Deputados dar inicio aos traballos que comezaron esta semana. Os transportistas sinalan que nese tempo a estrada sufriu unha continua deterioración que os obrigou a conducir con dificultades engadidas e mesmo a poñer en risco a súa seguridade.
As obras obrigan a cortar un dos carrís durante cinco quilómetros. Por outra banda, o cambio do firme só se está a realizar en sentido Madrid xa que os de entrada a Galicia están sen licitar.
Nas vindeiras semanas, os camións terán que circular nalgúns tramos de obra a 60 quilómetros por hora como máximo e coas luces medias acesas.