Publicador de contidos

Publicador de contidos

A estación intermodal da Coruña debería estar lista a finais de 2026

A estación intermodal da Coruña debería estar lista a finais de 2026

O Goberno central destaca o peso de Galicia na transformación ferroviaria

As administracións coinciden en que o proxecto avanza e reforzará o transporte público

G24.gal 11/12/2025 17:37

As obras da estación intermodal da Coruña deberían rematar a finais de 2026.

Anunciouno este xoves o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, durante unha visita aos traballos.

Santano estivo acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e o presidente do Adif, Luis Pedro Marco de la Peña.

O secretario de Estado de Transportes afirmou que Galicia exerce un papel destacado na transformación ferroviaria en España. Lembrou que o Goberno central investiu máis de 1.600 millóns de euros nesta comunidade.

Reforma integral: tren, bus e integración urbana

A estación ferroviaria está en proceso de adaptación para converterse en intermodal, mentres a Xunta constrúe a estación de bus e o Concello urbaniza a contorna.

Santano subliñou que os traballos avanzan con dúas claves: a intermodalidade e a integración urbana, porque as estacións deben conectarse cos distintos medios de transporte e co tecido urbano.

O secretario de Estado destacou tamén o aumento de viaxeiros en Galicia, que estimou en 5.500 usuarios diarios, e adiantou novos servizos ferroviarios ligados á proximidade, sen ofrecer por agora máis detalles.

As administracións avalían o avance do proxecto

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a cooperación institucional e sinalou que o obxectivo é rematar o proxecto a finais do próximo ano.

Cre que a estación intermodal fomentará o uso do transporte público e vai mellorar os equipamentos e infraestruturas da cidade.

O conselleiro Diego Calvo afirmou que todas as administracións traballan na mesma dirección para dispoñer da infraestrutura canto antes.

Durante a visita, comprobaron o avance da nova marquesiña, un dos elementos emblemáticos da terminal e xa visible desde distintos puntos da cidade. Tamén revisaron a escavación do paso inferior cara ao aparcadoiro e o izado da estrutura completa da pasarela peonil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade