Seguen os atrasos e as ringleiras en Baraxas tras un erro informático que colapsou o control de pasaportes
Seguen os atrasos e as ringleiras en Baraxas tras un erro informático que colapsou o control de pasaportes
Este xoves moitos viaxeiros intentan recolocarse noutros voos tras perderen o seu e os que viaxaban hoxe adiantaron a súa chegada ao aeroporto
Os problemas coinciden coa operación saída, no inicio das vacacións
Nova xornada de incerteza con atrasos nos voos e ringleiras no aeroporto de Baraxas.
"Viñemos antes pero aínda non saímos"; di unha muller, outro home comenta que "Cancelaron o meu voo".
A terminal internacional, a T4 segue arrastrando os problemas que nas últimas horas deixaron en terra a moitos viaxeiros. Un fallo informático colapsaba o control de pasaportes.
"Viñemos ao mostrador, pero non nos din nada", explica unha moza.
Co temor a perder o voo, hoxe moitos adiantaban a súa chegada ao aeroporto.
"Viñemos con oito horas de antelación", di un home, outra muller desexa "ter sorte e poder voar".
A situación obrigaba o Goberno a tomar medidas e reforzar o persoal dos controis.
"Tomáronse medidas para reforzar esa coordinación e que ningún fallo informático acabe afectándolle aos cidadáns como ocorreu onte", di o delegado do Goberno en Madrid, Francisco Martín Aguirre.
Caos nun dos días de máis tráfico aéreo, primeira semana de vacacións en plena operación saída.