AENA deixa no aire a posta en marcha da torre de control remota de Peinador
A previsión era que a nova sala empezase as probas o día 11, pero non está funcionando
AENA di que é o modelo idóneo para os aeroportos onde o mal tempo complica a visibilidade
Os controladores cren que se reduce a seguridade porque non teñen visión directa do exterior
Aena deixa no aire a posta en marcha da torre de control remota do aeroporto de Peinador, a primeira deste tipo instalada en España. É un novo modelo de supervisión no que os controladores non ven fisicamente a pista, non teñen visión ao exterior. Vixían o aeródromo a través de varias cámaras, cunha gran pantalla que fai o efecto de 360 graos ademais de vistas a outros puntos concretos da zona.
O xestor dos aeroportos anunciara que a torre de Vigo empezaría a operar o 11 de xuño, en período de probas. De feito, no manual de navegación que cada día publica e actualiza Enaire figura que funciona dúas horas ao día. Porén, a realidade é que non está activada.
"Non sabemos se é unha parada definitiva ou un atraso ata novo aviso", explica a portavoz en Galicia da Unión Sindical de Controladores (USCA), Susana Romero. "Onte dixeron que nos darían máis información pero aínda non sabemos nada".
Aena non aclara por que a torre remota non funciona nin cando se activará. Limítase a contestar que está agardando a coñecer a data concreta da súa posta en marcha e que o día 11 fora unha "tentativa".
O modelo das torres remotas xera algúns receos. Os controladores din que é un paso atrás na seguridade aérea porque non teñen visión directa do exterior.
Aena, pola contra, defende que é un sistema idóneo para aeroportos pequenos e onde o mal tempo pode complicar a visibilidade. Antes ca en Vigo, quixera instalar a primeira de España en Menorca, pero, ante as protestas, acabou renunciando.