Os responsables do aparcadoiro ilegal da Lavacolla estráganlle o coche a un cliente e foxe
Unha muller ía recoller o cliente no aeroporto cando se esnafrou no acceso ao aparcadoiro
A parella propietaria do negocio é coñecida porque funcionan como aparcadoiro de baixo custo pero de xeito ilegal
Deuse en chamar aparcadoiro pantasma e, como todas as pantasmas, volveron de súpeto, con susto e con desgusto.
"Caeu unha sarabiada superpotente e vin o coche accidentado. Quedou do revés. Ía rápido e confundiuse de carril", conta unha testemuña.
Nin pola dereita nin pola esquerda. Entrou de fronte contra o valado da estrada, saltou por riba, arrincou a ras un farol e quedou encaixado. O coche, porque a condutora, a responsable dese negocio ilícito que tanto deu que falar, fuxiu.
Pola dirección en que circulaba enténdese que ía recoller o cliente, o dono do turismo. É o seu gancho e tamén parte da estafa.
"Cóllenche o coche no aeroporto, non che dan ningún tipo de papel nin de contrato e recóllenche outra vez na mesma terminal. O cliente non sabe onde queda o coche", advirte Manuel Salvado, encargado dun aparcadoiro de Santiago.
O coche quedou sinistro total e, como bo negocio ilegal, non hai seguro que se faga cargo. A vítima, supostamente un veciño da Estrada, non ten con quen falar.
"Non é unha empresa legal. Entón, non ten seguro de responsabilidade civil e calquera cousa que lle pase ao coche, quen paga é o cliente. Coma neste caso, que o coche quedou sinistro total e ten que pagar o cliente. Aparcan en zonas prohibidas, excesos de velocidade, e esas multas chéganlle ao cliente", engade Salvado.
Mesmo o bloquearon no móbil. Como fixeran outras veces. Non é o primeiro coche que estragan, como denunciara outra clienta hai un tempo na Televisión de Galicia.
"A matrícula arrincada e posta no parabrisas, cunha cervexa dentro do coche porque viñan bebendo cervexa. E así nolo entregaron, sen explicacións nin responsabilidade".
"Usan o coche dos clientes para cousas particulares, con situacións tan incrédulas como que, eu teño ido de testemuña a xuízos contra eles, e van ao xulgado no coche de clientes", engade o encargado dun aparcadoiro de Santiago.
A parella ten varias causas abertas, e non só por un negocio ilícito. Tamén hai denuncias contra eles por ameazas a clientes, á competencia, a veciños, tamén por apropiación indebida, ou por infraccións de tráfico. Teñen algo de todo. E seguen en acción. O último que se sabe é que andaban na busca de terreo pola zona de San Marcos, a un paso do aeroporto, o seu centro de operacións.