Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cancelan catro voos en Alvedro a causa da néboa

Cancelan catro voos en Alvedro a causa da néboa

Os dous primeiros, procedentes de Madrid, e outro de Barcelona non puideron aterrar no aeroporto coruñés, o que tamén afectou aos voos de regreso que se foron reprogramando no resto da xornada, agás un de volta a Madrid que Air Europa decidiu non operar

Este xoves está prevista a reapertura da terminal da Lavacolla e Alvedro reducirá a súa actividade tras asumir durante as pasadas semanas parte do tráfico do aeródromo compostelán

G24.gal 26/05/2026 10:08 Última actualización 26/05/2026 11:43

Na Coruña está sendo unha mañá complicada para a operatividade do aeroporto de Alvedro. A néboa obrigou a desviar os primeiros voos do día que tiñan prevista a aterraxe nesta terminal e a cancelar outro máis que debía saír da terminal coruñesa.

Foron os dous primeiros voos da mañá procedentes de Madrid. Un de Air Europa e outro de Iberia que, despois de varios intentos, tiveron que regresar de volta a Baraxas.

A mesma sorte correu o voo de Vueling procedente de Barcelona que acabou sendo desviado a Asturias ante a imposibilidade de aterrar.

En total, tres voos desviados pola intensa néboa que ata ben entrada a mañá cubría os ceos da Coruña.

Coa mellora das condicións meteorolóxicas recuperouse o tráfico, e as saídas cara a Madrid e Barcelona, afectadas ao non poder aterrar os avións que viñan deses aeroportos, realizaranse ao longo do día, agás o de Air Europa con destino a Madrid, que non sairá de Alvedro por decisión operativa da compañía.

Uns problemas de operatividade para Alvedro que chegan na véspera da reapertura do aeroporto de Santiago. Foron 35 días sen apenas incidencias en que a terminal coruñesa foi quen de asumir un 70 % de incremento de operatividade con máis persoal de servizo aos pasaxeiros.

O xoves está prevista a reapertura do aeroporto da Lavacolla coa súa pista xa renovada. A Coruña agarda agora poder sumar novas rutas e pide ampliar as instalacións dunha terminal que supera o millón e medio de pasaxeiros cada ano. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade