Interior nega que as colas en Baraxas se deban á falta de policías nos controis
Fernando Grande-Marlaska asegura que o colapso deste mércores se debeu a un fallo informático nun momento de moitos voos
O ministro do Interior asegurou este xoves que non vai entrar "en ningún tipo de controversia", pero nega que o colapso en Baraxas rexistrado onte se debese á falta de axentes da Policía Nacional nos controis de pasaportes, como si apuntan algunhas fontes.
Fernando Grande-Marlaska afirmou que "todos os postos de control de pasaportes estaban en perfecto funcionamento e perfectamente dotados". Explicou que a incidencia se debeu a dous factores entrelazados: un fallo informático xusto cando había un pico de voos.
O Goberno tamén trata de explicar porque a comezos desta semana a conexión de alta velocidade entre Madrid e Andalucía se cortou durante 14 horas, con máis de 15.000 afectados.
A primeira explicación chegou por un casual, por unha conversa informal captada polas cámaras en que a vicepresidenta primeira, María Jesús Montero, culpaba da incidencia á empresa Ouigo.
Pero a operadora francesa négao. O seu director de seguridade, David Cortés, insiste en que non son responsables e fai un chamamento "á prudencia e ao rigor".
O Adif dálle a razón á empresa ferroviaria. Aclaran que un tren de Ouigo, que quedou parado, está na orixe do problema, pero non foi o culpable. A causa foi o atasco derivado, con ata catro trens detidos no mesmo tramo consumindo electricidade e a catenaria non aguantou a demanda. O xestor da infraestrutura recoñece a debilidade e xa ordenou que se amañe.