Publicador de contidos

Publicador de contidos

A torre de control remota de Peinador estréase supervisando unha saída imprevista

A torre de control remota de Peinador estréase supervisando unha saída imprevista

Empeza a funcionar a nova sala de pantallas do aeroporto, que non ten visión ao exterior

Aena asegura que este modelo é incluso máis seguro ca o das torres convencionais

G24.gal 17/06/2025 14:46

Non é unha torre, senón un baixo sen ventás. Pero para Aena é o futuro do control aéreo, cando menos en certos aeroportos.

Este martes entrou en funcionamento a nova torre remota de Peinador, unha moderna sala de pantallas na que os controladores observan o aeródromo e os seus arredores a través de dezanove cámaras. Aena dispuxo que empezase as probas nunha franxa horaria, de 9:30 a 11:30, moi tranquila, na que en Vigo non hai programados voos comerciais, nin chegadas nin saídas.

Pero un imprevisto alterou os plans: un avión que tiña que engalar ás 9:20 atrasou a saída ata as 9:37, así que xa operou durante o período de funcionamento da nova torre. Logo, ademais, entrou e marchou unha avioneta. 

O modelo das torres remotas provoca controversia. O principal sindicato de controladores asegura que son menos seguras porque non teñen visión real de 360º e porque dependen das cámaras. Aena defende que son un modelo axeitado para aeroportos pequenos e con problemas de visibilidade cando hai mal tempo. A torre de Vigo conta con dezanove cámaras.

"Confirmamos que é un proxecto moi fiable", asegura trala primeira xornada a directora do aeroporto de Peinador, Ana Molés. "Melloramos a operatividade e a seguridade. Poñemos ao alcance dos controladores máis ferramentas. Puidemos poñer cámaras en puntos que dende a torre convencional non se ven".

Ana Molés, directora do aeroporto de Peinador, observa a actividade na pista. Ana Molés, directora do aeroporto de Peinador, observa a actividade na pista.

A de Vigo é a primeira torre remota que se pon en marcha en España. No seu día, Aena intentara instalar unha en Menorca pero, tras as protestas, ese proxecto quedou en suspenso e, de momento, non se anunciaron máis. Mentres, Aena nin confirma nin descarta que a actividade da nova torre de Vigo se poida estender, que dende Peinador se poida acabar controlando o tráfico doutros aeroportos, como podería ser o de Alvedro.

"De momento estamos centrados en sacar adiante o aeroporto de Vigo e o que veña no futuro a tecnoloxía será a que marcará os pasos", contesta a directora de Peinador.

Durante a fase de probas da torre de control remota de Peinador tamén estará activa a torre convencional. Alí haberá sempre un controlador de garda pendente por se se ten que facer cargo do servizo. A previsión de Aena é que polo menos pase un ano antes de que o control completo se faga dende a torre remota.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade