Seguen graves os bombeiros forestais feridos en Oímbra, con dous evolucionando favorablemente
Os tres feridos continúan ingresados na Coruña na Unidade de Queimados do CHUAC
A Garda Civil detivo o suposto responsable de dous focos deste incendio

Dous dos tres bombeiros forestais feridos en Oímbra e que sofren queimaduras de distinta consideración evolucionan favorablemente, aínda que todos están graves, segundo o último parte médico facilitado polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), que non ofrecerá novos datos ata o luns.
Os tres están na Unidade de Queimados do centro hospitalario. No caso do máis novo, de 18 anos, ten queimaduras de terceiro grao con afectación no 40 % do seu corpo. Presenta intoxicación por inhalación de fume e está estable con prognóstico moi grave.
O mozo de 23 anos ten queimaduras de segundo grao con afectación no 15 % do seu corpo. Tamén presenta como os demais intoxicación por inhalación de fume e evoluciona favorablemente con prognóstico grave.
Por último, o brigadista de 25 anos ten queimaduras de segundo grao con afectación no 15 % do seu corpo. Está estable con prognóstico grave.
Un detido como responsable do incendio
En relación a este incendio, a Garda Civil detivo un home de 46 anos, veciño da Gudiña, como presunto autor de dous focos deste incendio no que os tres bombeiros forestais resultaron gravemente feridos.
O home causaría dous focos do incendio, que se declarou o pasado 12 de agosto, cando realizaba labores de limpeza e roza cun tractor, a pesar de que o índice de risco de incendio era extremo.
A Garda Civil atribúelle dous delitos de incendio forestal por imprudencia grave e tres de lesións graves, polos brigadistas feridos.