Segue a traballar a madeira con 92 anos
A idade non frea a Manuel Borrajo, un veciño de Almoite, en Baños de Molgas, que acotío pasa horas no seu taller dándolle forma a angazos, xugos ou cadeiras
Nunha terra de centenarios, como a de Ourense, a lonxevidade convértese cada día en algo máis habitual. O que xa non o é tanto, é superar os 90 e seguir a cortar leña ou a traballar a madeira. É o que fai Manuel, un veciño de Baños de Molgas que dedicou boa parte da súa vida a facer carros, arados ou angazos. A pesar dos anos, as súas mans seguen firmes para tallar xugos, agora de adorno, ou dar forma ás pezas dunha cadeira. Unha vitalidade que atopa recompensa na satisfacción polo traballo ben feito.
Aos duros anos da infancia seguiulle a emigración a Suíza, aínda que pronto regresaría a súa aldea natal, Almoite, onde segue a residir coa súa muller. Hai tan só uns meses, unha curmá súa faleceu con 102 anos. Para Manuel a base da lonxevidade está nunha alimentación saudable, comendo o que eles mesmos cultivan, na calidade de vida do rural e en manterse activo, traballando, di, mentres poida