Sanidade prolonga ata o 31 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe
Sanidade prolonga ata o 31 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe
Faise un chamamento especial aos menores de 60 anos
O conselleiro recalca que a onda é aínda baixa en intensidade, pero crecente, e que "por suposto" o Sergas está preparado para o pico
A Consellería de Sanidade prolongará ata o 31 de xaneiro a campaña de vacinación da gripe e a covid, cuxo fin estaba previsto para o vindeiro sábado, día 18, e fai un chamamento especial ás franxas de idade de menores de 60 anos, porque son as que máis están a acudir ás consultas nos centros de saúde.
Así o avanzou este venres o conselleiro Antonio Gómez Caamaño en declaracións aos medios durante unha visita ao centro de saúde da Estrada. Insistiu en que a intensidade da onda de gripe é aínda baixa, pero crecente, polo que esta medida de estender a campaña de inmunización busca diminuír a afluencia nos centros de saúde, nas urxencias hospitalarias e nos ingresos.
O modelo preditivo da Consellería estima que o pico chegará na semana do 20 ao 26 de xaneiro. Estes cálculos, tal e como explicou Gómez Caamaño, baséanse en datos como as consultas en Atención Primaria, as hospitalizacións e as vendas de antigripais e test de antíxenos a través da rede de farmacias sentinela.
O último informe epidemiolóxico da Dirección Xeral de Saúde Pública sinala que, entre o 30 de decembro e o 5 de xaneiro, as consultas en centros de saúde aumentaron un 29 % sobre a semana inmediatamente anterior, mentres que os ingresos con gripe confirmada creceron un 55 %.
Neste contexto, o que "chama a atención" ao conselleiro de Sanidade é que os pacientes que acoden á consulta son os mozos, entre os 15 e os 55 anos. Así o reflectía o informe de Saúde Pública: a maior taxa de asistencias en Primaria correspóndese con persoas de 20 a 59 anos, con 45,3 consultas por cada 100.000 habitantes; mentres que as máis baixas téñenas os máis maiores -a partir dos 60 anos-, precisamente os que presentan índices de vacinación máis altos.
"Co cal, a vacinación é algo importante e é algo que facilita que se libere de presión todos eses dispositivos asistenciais que temos", incidiu o conselleiro.
Ata o momento, a vacina da gripe chegou a unhas 779.000 persoas e nos grupos de 65 ou máis anos rolda o 75 %. En maiores de 80, roza o 82 %. Mentres tanto, a campaña dirixida a nenos e nenas de 6 a 59 meses supera o 61 % de cobertura, polo que este obxectivo dáse por cumprido.
Con todo, Gómez Caamaño lamentou a baixa cobertura entre os propios profesionais sanitarios -chegou a chancear con que perdeu unha aposta coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán- porque non alcanza o 50 %. Por tanto, fixo un "especial chamamento" a este colectivo. Ademais, entre as mulleres embarazadas está no 36 %.
No que respecta á campaña fronte á covid-19, actualmente o número total de persoas vacinadas é de 549.245 e entre os maiores de 65 a cobertura supera o 63 %.
En calquera caso, Antonio Gómez Caamaño referiuse ao plan de inverno aprobado pola Xunta a comezos de decembro para afirmar que "por suposto" o Sergas está preparado para facer fronte ao pico da gripe.
Así, confirmou que polo menos hospitais das áreas de Vigo, Pontevedra e Lugo están a empezar a habilitar as camas de reforzo desas 600 para toda Galicia que recolle o plan de inverno.
Polo momento, tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, a onda de gripe é "exactamente igual" á que houbo en 2019, polo que se están "reproducindo" as que había antes da pandemia da covid-19. De feito, a incidencia doutras enfermidades respiratorias, como a covid-19, é notablemente inferior.