Sanidade inicia un programa piloto para aplicar nas escolas a vacina intranasal contra a gripe
A campaña vaise levar a 55 centros educativos e alcanzará 19.000 nenos e nenas de entre 3 e 11 anos
O Consello da Xunta aprobou este luns iniciar un programa piloto para a aplicación da vacina da gripe por vía intranasal en centros educativos.
A campaña, que se iniciará o 13 de outubro, vai dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 11 anos, e realizarase en 55 escolas das catro provincias.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, antes de iniciar este programa piloto faranse sesións informativas cos responsables dos centros educativos que participen deste proxecto e trasladarase a información aos pais, nais ou titores dos menores obxectivo desta campaña, xa que deberán contar coa súa autorización para aplicar a vacina intranasal.
Segundo dixo Rueda o obxectivo é alcanzar unha cobertura do 70 % entre os 19.000 nenos e nenas obxectivo desta campaña.
"E un programa voluntario cuxo obxectivo é acadar unha cobertura nestes centros do 70 por cento dos alumnos. Son os nados entre o 2014 e o 2022. Unha experiencia piloto que en función dos resultados, que agardamos que sexan favorables, se estendería ao resto dos centros", explica o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Desde a Xunta destacan que Galicia xa conta cun dos calendarios de vacinación infantil máis completos e unha das taxas máis altas na inmunización de menores contra a gripe, o 68 por cento, que o ano pasado axudou a reducir os ingresos hospitalarios e a suavizar a curva da gripe.
"Cremos que un dos motivos é esa taxa tan elevada de vacinación infantil", di a directora de Saúde Pública, Carmén Durán.
A vacina da gripe tamén se ofrece aos mestres para facer dos colexios espazos libres do virus e frear a súa propagación.