Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sanidade convoca as comunidades para falar sobre a falta de profesionais en primaria

Sanidade convoca as comunidades para falar sobre a falta de profesionais en primaria

A ministra solicita aos conselleiros que envíen, 48 horas antes da reunión, os plans de verán para xestionar para que a reunión sexa "frutífera" 

G24.gal 24/05/2024 17:16 Última actualización 24/05/2024 17:38

A ministra de Sanidade, Mónica García, convocou o próximo 5 de xuño un pleno extraordinario do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para abordar de forma monográfica o problema da falla de profesionais sanitarios en Atención Primaria este verán.

Nunha carta dirixida aos conselleiros de Sanidade, a ministra solicítalles que envíen, nun prazo de 48 horas antes da reunión, os plans de verán que elaborasen para xestionar o próximo período estival en Atención Primaria para que a reunión sexa "frutífera".

A titular de Sanidade lembra aos conselleiros que son as comunidades autónomas as que teñen entre as súas competencias a xestión dos profesionais que traballan nos seus servizos de saúde, podendo tomar medidas como "incentivar o goce do período vacacional fora do estival onde se acumulan as dificultades de contratación".

Mónica García traslada aos conselleiros que hai propostas que non poden ser adoptadas dentro de marco legal existente. Cita "a contratación de profesionais sen especialidade, a contratación como persoal especialista de profesionais en período formativo, terminando de facto a especialidade con antelación e a localización sen supervisión presencial asignada de médicos internos residentes de cuarto ano en centros onde non houbese outros profesionais".

A ministra admite na carta a "complicada" situación da Primaria coñecida desde hai anos, polo que entende que as institucións competentes na xestión dos profesionais "tiveron tempo para realizar a planificación adecuada e poñer en marcha as medidas idóneas para levar a cabo a asistencia sanitaria este verán, garantindo a conclusión do período formativo dos futuros profesionais da especialidade".

En todo caso, a ministra expresa a disposición do Ministerio de axudar tanto na planificación como na procura de solucións eficaces para asegurar o correcto funcionamento do sistema sanitario. E engade que a colaboración se fará dentro do marco da lexislación vixente e da correcta formación dos residentes.

A ministra insiste en lembrar aos conselleiros que este asunto xa se tratou no pleno monográfico sobre Atención Primaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do mes de xaneiro, e no último pleno da comisión de recursos humanos do devandito Consello.

A convocatoria do monográfico ten lugar un día despois de que os 13 conselleiros de Sanidade do PP esixisen á ministra un Consello Interterritorial Extraordinario para abordar de maneira monográfica a necesidade de cubrir a falta de profesionais en Atención Primaria en época estival.

No conxunto de España, os residentes de cuarto ano supoñen o 7,2 % do persoal de Medicina Familiar e Comunitaria. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade