Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade amplía o ensaio para avaliar os beneficios da vacinación contra o VRS en adultos

Sanidade amplía o ensaio para avaliar os beneficios da vacinación contra o VRS en adultos

O estudo Sincigal esténdese desde hoxe aos trece hospitais galegos, e nos próximos días abrirase a todos os maiores de 18 anos

G24.gal 15/12/2025 12:53

O ensaio -que comezou en 200 centros de saúde- esténdese aos hospitais galegos, que xa reciben sen cita todas as persoas maiores de 60 anos que queiran participar.

"Porque non todo o mundo ten preto un centro de saúde participante. Entón trátase de facilitar o acceso a todas as persoas e que saiban que eses puntos están abertos e sen cita, nos horarios publicados (agás os días 24 e 31)", explicou Marta Piñeiro, a directora do Centro Galego para Control e Prevención de Enfermidades.

A inmunización contra o VRS en lactantes reduciu máis dun 90 % as hospitalizacións. Pero desde a pandemia e cos test viuse que este virus é tamén causa frecuente de complicacións en adultos.

"E faino nos dous extremos na vida, lactantes e maiores de 60, e tamén todos os maiores de 18 que teñen factores de risco, en especial patoloxía crónica relacionada con patoloxía pulmonar, pacientes EPOC, asmáticos, etc", di Irene Rivero, pediatra do CHUS e membro de Genvip.

O que se proba non é a vacina que xa está testada:  "Xa leva moito tempo usándose", apunta o enfermeiro Damián Rodríguez. Agora o que se quere é calcular o beneficio que podería ter administrala en Galicia.

"A vacina está aprobada, testada e comercializada. Nós o que queremos ver é que impacto tería na nosa poboación", engade Marta Piñeiro.

Dentro duns días o ensaio amplíase a todos os maiores de 18. Dos convocados, recibirana o 50 %, e os outros formarán parte, coma en calquera ensaio, do grupo de control.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade