"Salvemos o cine de Cee", a Costa da Morte loita por evitar o peche da última sala
Os veciños de Cee mobilízanse para evitar o peche inmediato do único cine de toda a comarca
A empresa xestora da sala acumula varios anos de impagos ao concello en concepto de gastos de comunidade
O 31 de marzo comunicou a súa intención de cesamento de actividade
"Veño polo do peche do cine, se podo colgar este cartel?". "Mira estamos recollendo sinaturas polo do cine para salvalo, poderías asinar aquí?", pide Sabela Corbelle, participante do movemento Cine en Cee.
Todos os esforzos son poucos para salvar o cine de Cee. Levan recollidas preto de 1.300 sinaturas e están facendo ruído nas redes sociais para demostrar que os veciños están en contra do peche.
"Este é un lugar pequeno e esta é a única forma de ocio que hai". "Todo o que sexa cultura hai que apoialo", contan os veciños de Cee
A falta de espectadores está detrás de moitos peches de salas de exhibición e, aínda que este de Cee tamén viviu horas baixas, agora está no seu mellor momento. Unha hostaleira abriu o seu negocio hai 7 meses precisamente ao rebufo do cine.
"É unha pasada de xente, polas tardes do venres, sábado e domingo é un 'boom'", apunta Jenny Allo.
Se ninguén o remedia, as películas que se programan estes serán as últimas que se verán nos cines Xunqueira. Estoutra formou parte da carteleira na inauguración hai 22 anos. Os que medraron entre elas son os que loitan por evitar o peche.
"Que se vexa que hai xente que si que imos ao cine sempre, e non temos por que ir ao cine de Carballo ou da Coruña. Ao final son cartos que deixan na vila e, vaia, é un cine que abrangue toda a comarca", explica Sabela.
A empresa xestora acumula anos de impagos, unha débeda que ascende xa aos 50.000 euros. O Concello, que é o propietario do local, busca solucións, pero non frutifican. O domingo hai unha convocatoria de toda a veciñanza para facer presión coa esperanza de que en Cee ocorra o mesmo que en Viveiro, onde lograron salvar o seu cine.