Sae en liberdade o veciño de Petín detido por prender un cortalumes no Seixo
O TSXG precisou que este home segue investigado por un suposto delito de incendio forestal
Ducias de veciños mobilizáronse para esixir a liberación do detido, ao que definen como "un heroe"
A Fiscalía solicitara prisión eludible con depósito de fianza de 2.000 euros

O veciño de Petín detido esta fin de semana por prender lume sen autorización para crear un cortalumes no Seixo (O Bolo), ante o avance dun incendio que afectaba esta localidade, quedou en liberdade tras prestar declaración perante o xulgado da Pobra de Trives.
Foi a propia alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, a que confirmou a liberación deste home, de 61 anos de idade, que foi recibido con aplausos e aclamacións polos seus veciños á saída da sede xudicial. Ducias de veciños mobilizáronse, chegando mesmo a fretar autobuses, para esixir a liberación do detido, ao que definen como "un heroe" polo seu esforzado traballo na loita contra as lapas.
A rexedora relatou horas críticas ante a ameaza das lapas, nas que estiveron sen medios suficientes para combater o avance dun lume que arrasou "a maior parte" deste concello sen que houbese forma de frealo. Bautista di que nin desde a Xunta nin desde a Administración de Xustiza, se puxeron en contacto co concello para explicar os motivos da detención deste home, cualificando o procesamento de "inxusto".
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) precisou que este home segue investigado por un suposto delito de incendio forestal e que, a pesar da súa saída en liberdade, deberá comparecer en tribunal de instancia os días 1 e 15 de cada mes.
A Fiscalía informa de que solicitara prisión eludible con depósito de fianza de 2.000 euros, pois sostén que prendeu lume "como acto que vai contra o raciocinio da persoa que o leva a cabo e en contra do dolo eventual que existe, como feito de prender lume que puido provocar consecuencias indesexables".