Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sada rende homenaxe ás mulleres do mar cun mural urbano, obra de Yoseba Muruzábal

Sada rende homenaxe ás mulleres do mar cun mural urbano, obra de Yoseba Muruzábal

O artista inspirouse nunha fotografía de mediados do século pasado

Mariflor é unha das mulleres que aparece na imaxe

G24.gal 30/10/2021 18:03

Cando Mariflor mira o mural reencóntrase coa moza de dezaoito anos que foi e revive as miserias, o futuro incerto e o traballo extenuante. O autor, Yoseba Muruzábal, inspirouse nunha fotografía de mediados do século pasado, unha imaxe que é moito máis que a típica postal mariñeira.

As cinco mulleres que deixaron por un instante o traballo para mirar á cámara son parte substancial da historia de Sada, mulleres bravas reivindicadas agora a golpe de pincel, mulleres que, como lembra Mariflor, ían todos os días camiñando ata Betanzos co impoñente peso das patelas sobre a cabeza e que, despois de venderen o peixe, regresaban a Sada para fregar no río e atender a casa e os fillos.

O mural é a única obra exterior da exposición Somos Mar que organizou o Festival Mar de Mares. Na capela de San Roque nove artistas reflexionan sobre a nosa relación cos océanos. Olladas sobre un mar que foi sustento para familias coma a de Flor.

A moza da foto ten hoxe 86 anos e mira agradecida e orgullosa a obra mentres repasa en voz alta os nomes de cada unha das mulleres retratadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade