Sabor coruñés no novo título da selección española de hockei a patíns
É o decimo oitavo título continental para a selección española
Os herculinos Ignacio Alabart e César Carballeira tiveron un importante papel na selección de Guillem Cabestany
A selección española de hóckey a patíns conseguiu esta pasada fin de semana un novo campionato de Europa tras derrotar a Francia na gran final disputada en Paços (Portugal). A selección española contaba coa presenza de dous xogadores galegos, ambos coruñeses: o liceísta César Carballeira e o culé Ignacio Alabart. O blaugrana xogaba onte Ao contraataque:
"Xa teño un mundial e dous campionatos de Europa. A verdade é que con vinte e cinco anos non esta nada mal. Foi un campionato moi raro, con pouca preparación e cun formato estraño sen fase eliminatoria. O equipo respondeu e o resultado foi conquistar o campionato".
Agora Alabart centras as súas olladas en conseguir a Liga de Campións e a liga co Barcelona, co Liceo como o seu gran rival:
"Nas últimas finais parece que nos teñen tomada a medida. Sempre son un rival moi duro. Eu síntome galego e vivo en Barcelona con morriña. Xogar no Liceo? Eu son do Compañía. O meu pai si que xogou no Liceo. Téñolle moito respecto, pero estou en Barcelona moi contento. Tentarei estar no Barça o máximo de anos posibles, xa que lle debo moito tras apostar por min dende que eu tiña dezaseis anos".