Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sabían que todos temos un dobre? A xenética di que pode estar en calquera parte do mundo

Sabían que todos temos un dobre? A xenética di que pode estar en calquera parte do mundo

G24.gal 24/08/2022 09:39

Sabían que todos temos un dobre? Unha investigación realizada en España demostra por primeira vez a causa de que haxa persoas idénticas ou moi parecidas en diferentes partes do mundo sen compartir parentesco.

E conclúe que a similitude destes dobres é porque comparten partes do ADN, particularmente xenes involucrados na formación da boca, nariz ou ollos. 

Este descubrimento podería axudar a diagnosticar enfermidades xenéticas como o alzhéimer ou a diabetes e a mellorar as técnicas da medicina forense.

Un feito real pero que ata agora non tiña xustificación xenética

Investigadores do Instituto de Investigación contra a Leucemia Josep Carreras descubriron a explicación biolóxica de por que todas as persoas teñen un dobre sen ningunha relación familiar: comparten características xenéticas nos xenes que conforman os trazos faciais.

Segundo os investigadores, este estudo, dirixido por Manel Esteller e publicado hoxe na revista Cell Reports, podería axudar a identificar persoas a partir de material xenético, o que sería de grande axuda en medicina legal e forense.

A sabedoría popular difundiu a idea de que todas as persoas teñen polo menos outra que se pareza sen ter un vínculo familiar, un feito real pero que ata agora non tiña xustificación xenética.

Internet e as redes sociais axudaron a demostrar os parecidos entre persoas sen parentesco

Foi dende a irrupción de Internet e as redes sociais, nas que se comparten millóns de fotografías persoais por todo o planeta, o que demostrou que a existencia de copias entre as caras dos humanos sería máis frecuente do que se cre.

O catedrático de Xenética da Universidade de Barcelona e director do Instituto de Investigación contra a Leucemia Josep Carreras, Manel Esteller, explicou que "a aparición de dobres dunha persoa, coma se fosen fotocopias, foi motivo de atención nas artes e cultura popular, pero nunca se abordou desde o punto de vista científico".

"O que fixemos é recoller material biolóxico destes individuos extremadamente parecidos, tamén chamados 'look-alike' en inglés ou 'doppelgänger' en alemán, para ver se atopamos unha razón obxectiva para a súa semellanza", apuntou o xenetista.

Os investigadores someteron persoas con semellanzas razoables a programas de recoñecemento facial para descubrir parellas de individuos que eran case indistinguibles entre si. Despois, analizaron a súa secuencia de ADN, o xenoma, o seu perfil epixenético, que son os mecanismos reguladores do xenoma, e a súa composición de microbios, a microbioma.

Os dobres humanos comparten variacións similares do seu ADN

Os resultados revelaron que os 'doppelgangers' humanos comparten variacións similares do seu ADN, especialmente en relación cos xenes implicados na formación da boca, o nariz, os ollos, o queixo e a fronte.

"Dado que a poboación humana é actualmente de 7.900 millóns, e está máis interconectada, é cada vez máis probable que estas repeticións se produzan e sexan coñecidas", subliñou Esteller.

Segundo o científico, as semellanzas nas persoas estudadas van máis aló do rostro, porque comprobaron que "a semellanza destes pares de dobres non só se limitaba ás características faciais senón que, ademais de afectar a outras propiedades físicas como a altura e o peso",  estendida tamén a certos trazos de carácter e comportamento".

Esteller considera que este estudo pode abrir no futuro novas liñas de investigación en varios campos e "achega a base para que, a partir da análise da imaxe e da forma do rostro, se poidan diagnosticar enfermidades xenéticas".

"Tamén permitiría reconstruír o rostro dunha persoa descoñecida a partir só dunha mostra de ADN, un dos grandes retos da medicina forense e da criminalística", concluíu o investigador.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade