Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rouban cable de cobre en 24 farois dun parque de Valga

Rouban cable de cobre en 24 farois dun parque de Valga

Os ladróns levaron mil metros de cable da iluminación dun parque público

Provocaron danos valorados en 7.600 euros

Roubaron o cable de cobre a través das tapas dos farois
G24.gal 11/01/2022 13:25

 "Doce, doce e algo, está todo apagado, aquí ás doce está todo para facer o que queiran, entran por alá ou por aquí e teñen todo aberto", comenta un veciño

Á medianoite apágase a iluminación do parque para aforrar enerxía, o que deixa un intervalo grande de abondo para realizar unha falcatruada sen ser vistos. Isto deberon pensar os que a primeiros de ano roubaron o cable de cobre do parque dos Irmáns Dios Mosquera de Valga.

  "Chamaron os veciños que estaba o parque este sen luz e, nada, viñemos mirar por se saltara un térmico por unha tronada ou algo así, ata que nos demos conta de que estaban as tapas dos farois abertos e vimos que faltaba o cable todo. Viñeron de noite, abriron as tapas dos farois, cortaron a mangueira que vai unida de farol a farol e sacárona, e nada máis", explica Pablo Quintáns, encargado de mantemento e electricidade do concello de Valga.

O material de cobre é un ben moi prezado nos últimos tempos.

"Si, o cobre subiu moitísimo, moito, moito, pois pagaranllo sobre un euro cincuenta, dous, e en mil metros que nos levaron son moitos cartos", apunta Pablo.

Tamén intentaron sen éxito sacar o cableame dos focos de sinalización.

 "Sacaron os focos de sinalización, pero aquí polo visto non deberon ser capaces de sacalo ou viron algo, un movemento estraño e tiveron que marchar e deixárono", continúa o electricista do Concello.

Os danos provocados ascenden a 7.600 euros, por iso o Concello está barallando poñer cámaras de seguridade porque non é a primeira vez que se producen roubos en espazos públicos do concello.

"Xa nos pasou tamén no parque que temos alá en Vilarello, na praia fluvial, que tamén nos roubaron, alí foi menos cantidade, que é máis pequeno, pero tamén foron sobre setecentos metros", informa Pablo.

O Concello pide a colaboración dos veciños para axudar na investigación que está realizando a Garda Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade