Rouban 89 catalizadores nunha empresa de Ourense valorados en 200.000 euros
O valor dos metais cos que se fan é a causa de que este tipo de subtraccións sexan cada vez máis habituais
Unha empresa ourensá de automoción denunciou o roubo de case un cento de catalizadores dos seus vehículos. O alto valor dos metais que conteñen é o motivo de que este tipo de subtraccións sexan cada vez máis habituais. A empresa valora o roubo e os danos nuns douscentos mil euros.
"Os catalizadores son uns elementos que traen os vehículos para protexer as emisións do gasóleo e algúns deles traen uns metais preciosos tipo platino que son valiosos no momento en que os poden romper, aproveitar eses metais e vendelos no mercado de segunda man e noutro tipo de mercados".
Son eses metais como o paladio, o platino ou o rodio os que converten os catalizadores nun botín apetecible para os ladróns. Turismos, camións ou furgonetas son o seu obxectivo, e iso foi o que aconteceu nesta empresa ourensá de automoción.
"Estes son algúns dos vehículos dos que levaron os catalizadores, 89 en total. Accederon o recinto de madrugada e perpetraron o roubo en apenas tres horas".
En principio non é unha operación sinxela, menos aínda se se fai sen un elevador para o vehículo.
"Terían que quitar esta abrazadeira de aquí, a de diante e dous inxectores e quitarían toda esta peza de aquí".
Pero neste caso sospeitan que eran profesionais. Eles tardan apenas minutos en sacar o catalizador de cada vehículo.
"Acostuman seguir os camións de transporte, as góndolas que trasladan estes vehículos por toda España, séguenos, van cara onde van e cando ven que hai unha acumulación deste tipo de vehículos, unha serie de vehículos que lles interesan, acostuman planificar as accións para perpetrar o roubo. Fano de noite, en zonas escuras, saben onde están as cámaras, son profesionais. Para eles, claro foi un golpe perfecto porque en moi pouco sitio e en moi pouco tempo tiñan un montón de unidades moi dispoñibles e moi fáciles de subtraer".
Explican que este tipo de roubos teñen lugar tamén nos concesionarios ou mesmo en camións de transporte de vehículos. Rouban os catalizadores pola noite, mentres dormen os condutores. Din que resulta difícil evitalos e que neste caso de nada serviron as medidas de seguridade.
"Isto planificárono con dous, tres días de antelación para facelo ben e rápido e facelo entre varias persoas, un tema coordinado. E ademais xente que o fixo máis veces noutros sitios de España e que sabe o que fai".
A empresa valora o subtraído e os danos nos vehículos en preto de 200.000 euros.