Detido o home que presuntamente roubou un autobús en Noia e acabou esnafrándoo na ponte medieval
Tras esnafrar o autobús, o condutor intentou fuxir do lugar
Segundo as testemuñas, "o home non estaba moi orientado"

A Garda Civil e a Policía Local de Noia conseguiron deter o home que presuntamente intentaba escapar tras esnafar na ponte medieval de Traba o vehículo que roubara na estación de autobuses de Noia.
O detido, presuntamente, roubou un autobús da empresa Autos Comparado. Unha vez iniciada a fuxida, o condutor bateu contra varios coches aparcados. Causou danos de consideración a dous vehículos na zona de San Bernardo e logo o condutor dirixiuse cara á ponte medieval que atravesa o río Traba e dá acceso ao barrio do Couto.

Alí, o detido rematou a súa carreira ao esnafrar o autobús contra as pedras de entrada da ponte, unha ponte protexida que data do século XV.
Por esa ponte era imposible que pasase o autobús, dadas as dimensións do vehículo e a estreitura da vía. Foi entón cando o condutor baixou do autobús e tentou fuxir, segundo relatan as testemuñas.
Os axentes, que xa iniciaran a persecución, lograron alcanzalo, inmobilizalo e detelo.
Por sorte, na tola carreira polas estradas da vila de Noia, e malia os danos materiais, non houbo que lamentar danos persoais.
