Detida unha muller por furtos en tres xoierías mentres se busca outras catro persoas
Escollían xoierías con poucos empregados para distraer e subtraer mostras
O grupo alugaba vivendas turísticas e coches con documentación falsa para dificultar a súa identificación
A Garda Civil do posto principal do Milladoiro detivo unha muller como presunta autora de tres delitos de furto en xoierías da provincia da Coruña e Pontevedra, mentres a operación segue aberta para deter outras catro persoas que se atopan en paradoiro descoñecido.
A operación iniciouse despois de tres furtos acaecidos en xoierías situadas nos concellos de Ames, Padrón e O Grove, tras os que os gardas civís comprobaron que o modus operandi utilizado era o mesmo. Este consistía en elixir xoierías cun só dependente e sen clientes no seu interior.
Aproveitando esta situación de vulnerabilidade, a muller accedía ao local interesándose por algún produto, solicitando ver varios mostrarios. E posteriormente accedía un home que requiría ver distinto xénero, e instantes despois un segundo home, demandando cada un información de distintos artigos.
Sen interacción algunha entre eles, coas distintas peticións creaban “confusión e distracción”, da que se aproveitaban para a subtracción dos mostrarios á vista.
No exterior agardaban outros dous compoñentes, un realizaba labores de vixilancia e o outro no vehículo estacionado a pouca distancia e preparado para a fuxida.
Ademais, o grupo estaba perfectamente coordinado, xa que tres deles alugaban diferentes vivendas de uso turístico nos termos municipais de Santiago de Compostela e Teo, as cales utilizaban como base de operacións e outro encargábase de alugar os vehículos utilizados para os desprazamentos.
En todos os alugueiros utilizaban documentos de identidade falsificados dos seus países de orixe, tratando con iso de dificultar o labor investigador. Agora, a Garda Civil traballa na localización do resto de integrantes do grupo.