O kiwi verde fai historia
Por primeira vez, a UE declara unha froita fresca como beneficiosa para a saúde
O consumo de kiwi verde contribúe ao funcionamento normal do intestino ao aumentar a frecuencia das deposicións
Que o kiwi axuda a regular o tránsito intestinal levámolo escoitando hai tempo. Agora tamén hai evidencia científica que o demostra. É por iso que, despois de moitos anos de investigación, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria acaba de declaralo alimento beneficioso para a saúde. É a primeira vez na historia que unha froita fresca consegue este recoñecemento.
"Moitas empresas pídenlle á Axencia Europea de Seguridade Alimentaria ao comité científico que autorice declaracións de propiedades saudables, que se chaman, e neste caso foi unha empresa de kiwi quen solicitou a declaración de que o kiwi contribuía a mellorar a frecuencia das deposicións cunha inxestión diaria de 200 gramos de polpa de kiwi fresco, e isto é aplicable para kiwis de calquera empresa, por suposto", explica Lidia Folgar, dietista-nutricionista.
Calquera empresa xa pode publicitar estes beneficios na súa propia etiquetaxe. 200 gramos equivale a comer 2 kiwis diarios, unha cantidade razoable para conseguir beneficios reais.
Ademais de ser un antídoto contra o estrinximento, esta froita contén minerais como magnesio e, sobre todo, vitamina C. E aquí en Galicia dáse moi ben. É o maior produtor da Península Ibérica. Hai case 900 hectáreas cultivadas.
"Oxalá tivésemos o dobre", opina Vicente Alcalde, socio de Kiwi Atlántico.
Vicente leva 20 anos apostando por esta froita que se converteu no seu modo de vida.
"Para unha familia o ideal sería ter dúas hectáreas para poder subsistir".
Confesa con fachenda que o galego é un dos máis saborosos de todo o mundo. O traballo non é pouco, pero é o kiwi é moi agradecido, sobre todo á beira do Atlántico en terreos fértiles, pouco ventosos e ben drenados.
"Esta plantación, que é nova, en 3 anos non crin que tivera esta cantidade de froitos que ten este ano. E cada vez veñen máis froitos, iso é unha satisfacción para calquera produtor".
