Rosa Quintana avoga polo equilibrio entre pesca e ambiente na loita contra o cambio climático
Interveu no Cumio dos Océanos na localidade francesa de Brest
A Conselleira do Mar aposta polo equilibrio entre os aspectos ambientais e pesqueiros no desenvolvemento da economía azul. Na súa intervención no Cumio dos Océanos na localidade francesa de Brest defendeu a necesidade de tratar con equidade todos os sectores nesa transición para evitar avances a distintas velocidades.
Rosa Quintana explicou a estratexia de Galicia de cara á revisión da Politica Pesqueira Común e destacou a preocupación da frota ante as propostas para eliminar ou reducir as bonificacións aos combustibles.
Da súa visita a Brest saiu unha alianza. Galicia e a Bretaña francesa acordaron facer unha fronte común na reforma da PPC. As dúas principais rexións pesqueiras comunitarias van crear grupos de traballo conxunto en que se analizarán os retos de futuro.
Coinciden na necesidade de acreditar con estudos científicos a situación das especies de cada área mariña e que hai que loitar contra o cambio climático, pero dun xeito ordenado.
"A actividade pesqueira é unha actividade económica de grande importancia. Unha actividade económica que quere seguir loitando contra o cambio climático pero quere facelo dunha maneira ordenada"