Román Rodríguez: "Era preciso un baremo para dar seguridade ao profesorado e ao alumnado"
O conselleiro de Educación defende os novos criterios de promoción e avaliación consensuados cos directores, asociacións de nais e pais e sindicatos para o alumnado de secundaria. O estudantado da ESO deberá sacar como mínimo un 5 de media no seu expediente para pasar de curso, igual que sucede en bacharelato. Nunha entrevista na RG, o conselleiro Román Rodríguez xustificaba a decisión.
"Parece de sentido común que para que un neno ou unha nena promocione o lóxico é que teña adquiridas unhas competencias mínimas, unhas destrezas mínimas uns coñecementos mínimos e para iso é necesario que haxa un baremo obxectivable que dea seguridade a quen toma a decisión- neste caso os profesores- e por outra parte que os alumnos teñan un marco de igualdade".
Segundo Román Rodríguez, o decreto de avaliación aprobado polo Goberno xeraba caos e seguridade.
"As xuntas de avaliación damos resposta a algo que estes días escoitabamos aos axentes educativos principais: directores, familias e os propios sindicatos. Todos coincidían en que a política aplicada polo Goberno do Estado a través deste real decreto xeraba incerteza e caos".
Agora estes novos criterios incluiranse nunha orde administrativa que será publicada pola Consellería de Educación e que achegará criterios comúns para todos os centros de ensino de secundaria de Galicia.
As comunidades autónomas piden unha moratoria na Conferencia Sectorial
A decisión da Xunta de establecer uns criterios comúns para a promoción de curso en secundaria adoptouse tras a reunión da Conferencia Sectorial de Educación. No encontro, as comunidades autónomas pedíronlle ao Goberno unha moratoria para evitar aplicar o novo decreto de avaliación co curso xa iniciado. A ministra rexeitouno baseándose no informe desfavorable do Consello de Estado.
O conselleiro galego, Román Rodríguez, rexeita que se cambien as regras do xogo na metade do partido
"O informe do Consello de Estado é non é vinculante. Desde o Ministerio sempre teñen a capacidade de non publicar o real decreto. Estamos ante unha terceira rectificación da ministra. Creo que hai ferramentas legais para que un informe non vinculante entre en vigor".
Román Rodríguez, conselleiro de Educación, nunha entrevista na Radio Galega