Rigoberto Mendoza: “Non podemos baixar a cabeza”
Recoñeceu que a novena derrota consecutiva ante o Valencia Basket foi un paso atrás na súa carreira por alcanzar o ascenso
O internacional dominicano Rigoberto Mendoza, escolta do Obradoiro, recoñeceu que a novena derrota consecutiva ante o Valencia Basket foi un paso atrás na súa carreira por alcanzar o obxectivo da permanencia, pero avogou por seguir pelexando por un reto novo para el.
“Non podemos baixar a cabeza porque falta pouco para finalizar a tempada. Estes son os momentos nos que se empeza a pensar que xa falta pouco para marcharnos a casa, pero eu non quero isto. Nunca estiven nunha situación como esta e non quero terminar a tempada cun mal sabor de boca”, afirmou.
O equipo dirixido por Moncho Fernández quedouse sen marxe de erro na táboa. É antepenúltimo co mesmo balance de vitorias e derrotas que o Breogán, ao que recibirá dentro de dúas xornadas en Santiago, e un triunfo máis que o pechacancelas Palencia.
“Agora mesmo non temos opción, temos que tentar gañar a calquera rival”, indicou Mendoza, que espera un partido “complicado” na pista do UCAM Murcia, un equipo “moi físico” e que defende “moi ben”, similar ao Valencia Basket.
“Recordo que o último partido que gañamos foi en decembro contra o Breogán. Estou a velo todo, sei como está a clasificación. Pero o mellor de todo é que nos quedan partidos contra rivais directos e aí é onde temos que dar un paso adiante”, manifestou.