Javi Rodríguez, o buque insignia da canteira celeste: "Vivo nun soño"
O defensa de Poio celebrou a súa renovación ata o 2030
Marco Garcés: "Nunca foi o xogador máis destacado da canteira e agora é un referente"
Javi Rodríguez: "O neno que comezou con 8 anos no Marcón estaría moi orgulloso"
Javier Rodríguez Galiano (Poio, 2003) seguirá vestindo a camisola do Celta ata o 2030. Asinou a súa renovación nunha negociación en que todo foi "moi doado", segundo o director deportivo do conxunto celeste, Marco Garcés.
O mexicano destacou de Javi que na canteira "nunca foi o xogador máis destacado do equipo no que estaba e agora é o gran referente da canteira", e indicou que o seu é o grande exemplo para todo futbolista que pasa por Afouteza.
O defensa quixo agradecer a confianza que tivo nel o club e que, o que comezou sendo un xogo con 8 anos no Marcón converteuse "nun soño do que aquel cativo estaría moi orgulloso".
Javi Rodríguez está consolidado no primeiro equipo do Celta como unha das pezas máis importantes para Claudio Giráldez e mesmo tivo o premio de debutar coa selección española nun amigable en Riazor.
Javi repasou a actualidade do equipo, a mellora nas prestacións defensivas do Celta ou a importancia que vai ter para o futuro en Europa o partido deste xoves diante do Celtic de Glasgow. Tamén falou dos problemas físicos que padeceu desde a pretemporada.
"Tiven unha caída que me impedía estar en plenitude de facultades. Comecei xogando, pero logo decidimos parar e volver ao cen por cento", asegurou o xogador galego, que volveu ao grande na Liga, marcando un gol e dando unha asistencia no encontro diante do Alavés.