Publicador de contidos
Publicador de contidos

A unidade de drons do 112 súmase á busca do pescador desaparecido en Boiro

A unidade de drons do 112 súmase á busca do pescador desaparecido en Boiro

O desaparecido é un home duns 70 anos que se dirixía ao citado areal o luns á noite e non regresou á súa casa

A climatoloxía que afecta o norte da ría de Arousa condiciona o dispositivo e impediu que  o martes pola mañá tomase voo o helicóptero de apoio

G24.gal 02/10/2024 09:39 Última actualización 02/10/2024 13:27

Aínda non hai rastro de Félix Triñanes, desaparecido a noite do luns supostamente na praia de Mañóns, en Boiro. Foi a súa muller a que denunciou que o home, de 74 anos, non regresara á casa o martes pola mañá.

O seu coche apareceu estacionado no aparcadoiro, e din que adoitaba pescar ao facho na zona, a pé pola costa. Din os veciños que a do luns foi unha noite de néboa, pero, aínda así, non se explican que puido pasar.

"Félix coñece isto coma os dedos da man" di un veciño. "Andivo toda a vida ao mar, coñecía moi ben a praia, viña moitas veces -explica-, non sei o que puido pasar", engade.

Veciños e familiares botáronse á praia para colaborar no rastrexo da zona, a pé e nas lanchas. A Garda Civil dirixe o operativo de busca, que despregou tres patrullas, mergulladores de actividades subacuáticas e axentes do grupo cinolóxico de busca de persoas chegados dende Asturias.

Participan tamén efectivos da Policía Local e de Protección Civil de Boiro. Buscan por terra, mar e, cando o tempo o permite, tamén dende o aire coa axuda de drons. Dende a zona cero, a praia de Mañóns, van ampliando a busca pola liña de costa. 

"Estamos buscando por toda a costa" afirma José Ramón Romero, alcalde de Boiro. Explica que polo tipo de correntes que hai na zona, os especialistas "saben onde podería estar no caso de estar aboiando". Non desbotan ningunha hipótese e tamén están mirando "outras zonas", aclara. "Esperemos que o resultado sexa bo, que apareza ben. Imos ter esperanza", di o alcalde.

Pero a preocupación vai en aumento conforme pasan as horas, e a chuvia intensa e a néboa complican os labores de busca. Confían en que o vento sur e a marea poidan axudar a traer algunha pista a terra. A previsión é que o operativo de busca traballe ata que caia a noite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar