Restaurante ou hotel flotante no centro da Coruña a bordo do barco histórico Ocean Falcon
A bordo poden degustarse pratos dalgúns dos cociñeiros máis afamados da cidade, pode reservarse un camarote para a noite ou gozar de rutas turísticas pola ría
Vinte e catro metros de eslora do Ocean Falcon albergan salóns, cociña, tres amplos camarotes e tamén terrazas. Fabricado en Italia en 1972, o seu tipo de construción é único.
A súa historia está chea de curiosidades. Mesmo foi propiedade dun xeque árabe e dun detective italiano fuxido a Francia.
"De feito o barco ten algunha característica moi detectivesca como son comportas secretas, armeiros agochados nos camarotes", conta Eduardo Guillén, capitán do Ocean Falcon.
O Ocean Falcon figura no rexistro de buques e embarcacións históricas do Estado catalogado como barco histórico e o ano pasado a Xunta incluíno no censo de embarcacións tradicionais e históricas de Galicia.
"As embarcacións históricas neste momento ao igual que pasa cos coches clásicos e históricos teñen certo grao de protección e son Bens de Interese Cultural", aclara o capitán do Ocean Falcon.
Desde hai un ano, amarrado no Náutico da Coruña, destínase a usos turísticos. A bordo poden degustarse pratos dalgúns dos cociñeiros máis afamados da cidade.
"Son tres propostas gastronómicas con peixe e produtos da terra. E logo por outro lado temos o tema da pernoita que se pode facer estando aquí amarrado ao porto alugando un camarote ou incluso camarotes para grupos", explica Marta López, mariñeira da tripulación do Ocean Falcon.
Goza de todas as comodidades dun hotel ou restaurante de luxo, iso si, flotante. E na época estival comezan as rutas de navegación pola ría da Coruña.