Resonac terá una planta piloto para producir grafito para baterías de coches eléctricos
Estará en marcha na segunda metade de 2025
A empresa xaponesa Resonac terá na Coruña unha planta piloto para avanzar na viabilidade técnica e económica da produción de grafito para ánodos de baterías de coches eléctricos.
Tras un encontro entre o presidente da unidade de grafito de Resonac para Europa, César Castiñeira, e o titular da Xunta, Alfonso Rueda, a compañía anunciou un investimento de 10 millóns de euros para unha planta piloto na cidade, que estará en marcha na segunda metade de 2025.
Castiñeira asegurou que a meta da súa empresa é "innovar sen descanso" con "paixón e orientación a resultados" mentres pon "a Galicia no mapa da industria do grafito".
Por iso expuxo a posta en marcha dunha fábrica de grafito para ánodos de baterías de coches eléctricos nun complexo industrial que agora incorpora os terreos da antiga Alcoa.
Ademais, a compañía inviste 10 millóns de euros para unha planta piloto que sirva para "avanzar en viabilidade técnica e económica deste produto a grande escala".
Para iso reclamou o "acceso a unha enerxía estable e competitiva" e tamén o "apoio das institucións" a estes proxectos.
Preguntado polo futuro dos preto de 400 antigos empregados de Alcoa dixo que non se avanzou nesa cuestión senón que agora se aborda a "viabilidade técnica".
"Compramos os terreos aquí, o conflito laboral anterior é alleo á compra dos terreos, pero mostramos a nosa sensibilidade co conflito. Nas últimas contratacións, o 25 % vén da antiga Alcoa", respondeu.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, opinou que esta é "unha realidade moi ilusionante" e agradeceu o feito de "apostar por Galicia".
Salientou a importancia do "emprego industrial" e propuxo continuar no camiño para que os proxectos queden na comunidade, que debe ser "o mellor lugar para vivir".