Publicador de contidos

Publicador de contidos

Crean un parachoques capaz de decidir como debe encaixar un golpe

Crean un parachoques capaz de decidir como debe encaixar un golpe

O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia lidera un proxecto europeo para deseñar defensas máis seguras

En contra do que se pode pensar, un coche que se engurra protexe mellor os seus ocupantes

O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia
G24.gal 31/07/2025 14:19 Última actualización 31/07/2025 17:08

O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia presenta a súa última invención: un parachoques que encaixa mellor os golpes e, por tanto, recibe o dano por nós. En contra do que pode parecer, é máis seguro un coche que se engurra cando ten un accidente.

Un equipo do Porriño lidera un proxecto, bautizado Salient, no que participan sete países europeos para deseñar defensas que nos protexan máis. A idea foi deseñar unha estrutura que, ao recibir un golpe, se deforma máis e, por tanto, absorbe máis enerxía.

"Sabedes iso do que se queixan sempre de que os coches antigos resistían moito os golpes?", pregunta Vanessa Ventosinos, investigadora do CTAG.

"Pois iso é malo. Iso redeséñase agora para que a parte dianteira colapse de xeito que os pasaxeiros estean ben".

A estrutura creada neste proxecto ten outra calidade: como un bo boxeador, o parachoques pode decidir como debe encaixar o golpe. Conta cun sistema intelixente que pode detectar por onde vai recibir o impacto e, daquela, abranda ese punto para suavizar a colisión.

"A peza quéntase, chega a 180 ou 200 graos, e iso fai que a súa rixidez cambie e poida prepararse para recibir o impacto", explica a coordinadora do proxecto, Raquel Ledo.

O resultado é que o vehículo, e os seus ocupantes, reciben un dez por cento menos de enerxía. E iso é moito en caso de accidente. O proxecto xa está rematado no CTAG e agora os fabricantes deben dar o paso de instalar estes novos parachoques nos vehículos do futuro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade