Publicador de contidos

Publicador de contidos

Resonac e Ignis queren comprar a que foi Alcoa A Coruña

Resonac e Ignis queren comprar a que foi Alcoa A Coruña

As dúas empresas avanzan que "ultiman un plan industrial conxunto" para a cidade

Un dos proxectos é a construción dunha planta de hidróxeno renovable

G24.gal 09/03/2023 16:39

Resonac Graphite Spain e Ignis Energy Holdings presentarán "nos próximos días" unha proposta para adquirir "a totalidade da unidade produtiva" situada nos terreos contiguos á fábrica de eléctrodos de grafito "que posibilite a revitalización da zona, a creación de postos de traballo e o aproveitamento do 100 % da superficie dispoñible". En concreto, refírese á que foi planta de Alcoa na Coruña, despois Alu Ibérica, na actualidade en venda no marco do proceso concursal e a liquidación do seu último dono.

Nun comunicado de prensa avanzan as dúas empresas que "ultiman un plan industrial conxunto para A Coruña que se asentaría nos activos ociosos do polígono da Grela".  A "solución integral" deseñada por ambos os grupos empresariais prevé, segundo aseguran, "a xeración de emprego de calidade na cidade e unha aposta firme polas enerxías renovables, a través, entre outros proxectos, da construción dunha planta de hidróxeno renovable que Ignis levaría a cabo nunha superficie de arredor de 50.000 metros cadrados dos citados terreos".

"Imos presentar unha oferta importante e significativa pola totalidade os activos ociosos do polígono da Grela, contiguos á nosa fábrica da Coruña, xa que seguimos co noso plan industrial de expansión da nosa actividade actual, de fabricación de eléctrodos de grafito, así como doutros posibles investimentos que sexan relevantes para o grupo Resonac", destaca o presidente e CEO para a rexión de EMEA de Resonac Graphite Business Unit, César Castiñeira.

Entre os plans de crecemento da multinacional de matriz xaponesa en Galicia figuran, "de darse as condicións apropiadas e contar co apoio das administracións", a ampliación da súa actual planta da Coruña e o estudo de viabilidade para a creación dunha fábrica de grafito para ánodos de baterías para coches eléctricos.

Pola súa banda, o CEO de Ignis, Antonio Sieira, sinala que este acordo "reforza" a súa "vocación industrial e compromiso coa descarbonización da industria, e especialmente, a aposta polo hidróxeno asociado aos nosos desenvolvementos renovables para clientes industriais de referencia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade