Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatan unha mulller que caera polo barranco dunha praia de Rianxo

Rescatan unha mulller que caera polo barranco dunha praia de Rianxo

Os bombeiros usaron unha padiola con cordas para subila polo desnivel

O terraplén, que rodea a praia do Quenxo, non ten valo nin sinal de perigo

 

G24.gal 11/04/2024 14:13

Os bombeiros de Boiro recibiron a alarma sobre as seis da tarde. Por motivos que se descoñecen, unha señora precipitárase polo barranco da praia do Quenxo, en Rianxo. Estaba atrapada e gritaba para que alguén a axudara.

"A muller non caeu ata o fondo do terraplén, quedou atrapada nunhas silvas no medio e non podía saír, estaba consciente e falou en todo momento cos equipos de rescate", explica Francisco Manuel Sampedro Pérez, sarxento dos bombeiros de Boiro.

Ata o lugar desprazáronse tamén a Garda Civil, a Policía Local e un nutrido grupo de veciños que observaban o rescate. 

"Eu non vin como caeu, pero si vin como a levantaban nunha táboa e a levaron para a ambulancia", di unha veciña.

"Tivemos que izala cunha padiola con cordas que temos na dotación", explica o sarxento dos bombeiros.

A muller foi trasladada en ambulancia ao hospital. Queixábase de dor nun brazo, pero non parecía ter lesións graves. Os veciños da zona temen que algún día haxa unha desgraza, posto que non hai valo nin sinal que advirta do perigo. 

"Está moi perigoso e pasan moitos nenos pola zona. Antigamente había un valo de madeira pero co tempo desapareceu, era importante ter en conta esa opción para evitar perigos".

"Había postes de madeira, pero estragáronse polo tempo e o vandalismo".

"Isto está moi mal, esvaras, dáche un mareo e aí vas ao precipicio", din algúns viandantes.

Trátase dunha zona moi transitada, sobre todo cando vai bo tempo, polo que piden medidas ao Concello para evitar novos sustos a carón da praia do Quenxo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade