Rescatan unha egua que se botou ao mar en Praia América
O animal nadou case unha hora ata que lograron sacalo da auga
Quedou a cargo dun refuxio de animais de Nigrán, á espera de que apareza o dono
A Policía Local, a Garda Civil, gardacostas e algún voluntario interviñeron este domingo en Nigrán nun peculiar rescate. Tiveron que auxiliar unha egua que se botou ao mar en Praia América.
Foi contra as oito da mañá cando varias persoas que paseaban pola praia se decataron de que había unha egua polas dunas. Pero o animal escapou cando trataron de collelo, e botouse ao mar. Comezou daquela unha operación de rescate que se prolongou durante case unha hora.
"Estivemos tentando prendela polas dunas, conseguímolo nunha ocasión pero escapounos coa corda. Logo intentamos collela polas pedras pero tirouse ao mar e botou como 45 minutos percorrendo a ría de Baiona, desde o faro chegou case ata Santa Marta e acabou pastoreándoa un barco ata a costa", conta Salvador Giráldez.
Unha lancha de Gardacostas foi acompañando o animal ata que chegou a unha zona onde foi posible rescatalo porque xa estaba moi canso. Ao parecer, non ten o microchip obrigatorio e, polo momento, quedou a cargo dun refuxio de animais de Nigrán, á espera de que apareza o dono.
"É un animal que non está domesticado, non ten ferraduras. Non está afeito a que o toquen, por iso cando lle puxeron a corda escapou. Cando chegamos nós, xa o tiñan collido, puxémoslle esta cabezada provisional para levalo ao refuxio ata que atope unha posible familia. Parece pouco probable que apareza o dono porque é un animal con medo, que non está afeito ás persoas, non está humanizado. O ideal é que volva á familia onde estaba e se non aquí darémoslle un ata que apareza outro ideal para ela", explica Natalia Rodríguez, do refuxio de animais Isla de Tali.
