Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatan en Mos un ciclista ferido con principio de hipotermia

Rescatan en Mos un ciclista ferido con principio de hipotermia

Estaba nunha zona de monte onde non podía acceder a ambulancia

Os axentes da Garda Civil tiveron que inmobilizalo e trasladalo no coche

G24.gal 28/02/2023 14:04

Foron os compañeiros do ciclista ferido os que deron a voz de alarma. O home estaba inconsciente. Golpeárase na cabeza e no ombreiro nunha caída no monte Galleira, en Mos. 

"Puxémonos en contacto con eles e pasáronnos a localización, e grazas a iso puidemos atopar con premura a persoa ferida. O orografía era complicada", di Diego Rodríguez Crespo, un dos gardas civís que participaron no rescate e que explica así como o localizaron.

O seu compañeiro, Alberto Fasero Villar, destaca tamén as dificultades para chegar ao lugar da caída: "Outros ciclistas íannos indicando por onde ir porque a última parte do camiño estaba bastante mal e xa se complicaba chegar ata o ferido".

Accederon por unha pista forestal pola que non daba pasado a ambulancia. Os axentes coordinaron cos servizos de emerxencias o rescate.

"Cando chegamos estaba consciente, pero xa con principios de hipotermia, con tremores e fallos na memoria, xa non lembraba o ano en que estaba nin como chegara alí. Inmobilizámolo coas pezas de roupa que levaban. Tiñan todo o equipamento para practicar bicicleta de montaña, como o casco, porque recibiu un forte impacto na cabeza como consecuencia da caída", explica Fasero. 

"Estaba con principio de hipotermia, tiña moitos tremores por mor do frío. Estaba nunha zona onde non daba o sol. Acondicionamos o vehículo para poder trasladalo e aclimatámolo para recuperase a temperatura o antes posible", engade Rodríguez.

Conseguiron trasladalo con moito coidado ata a ambulancia que o levou ao hospital. A rápida actuación destes dous axentes facilitou que o ciclista se recupere xa na casa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade