Rescatan dúas persoas atrapadas polo lume nunha vivenda de Culleredo
O lume puido orixinarse por un curtocircuíto na instalación eléctrica
A parella foi atendida polos servizos sanitarios por inhalación de fume
O lume iniciouse pasadas as 4 da mañá, no cuarto andar dun edificio situado na avenida Fernando II de Culleredo.
Os bombeiros de Arteixo tiveron que derrubar a porta blindada para acceder ao interior da vivenda, onde había dúas persoas, que foron localizadas con vida nun cuarto no que quedaran atrapadas.
O feito de que a vivenda fose un dúplex propiciou que o fume non invadise toda o piso inferior.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local de Culleredo que procederon ao desaloxo do edificio e servizos sanitarios que tras o rescate atenderon a parella por inhalación de fume. Un deles precisou asistencia hospitalaria por queimaduras de carácter leve.
Na mañá deste mércores un perito da compañía de seguros apuntaba como posible causa do incendio un curtocircuíto orixinado na instalación eléctrica do corredor da planta inferior.
Ademais da derruba por parte dos bombeiros da porta blindada de acceso á vivenda, o lume e o fume provocaron cuantiosos danos materiais.