Publicador de contidos

Publicador de contidos

Co atraso no ensilado da herba e na sementeira do millo, prevense perdas millonarias

Co atraso no ensilado da herba e na sementeira do millo, prevense perdas millonarias

Os gandeiros terán que recorrer a ciclos máis curtos e menos produtivos, co conseguinte incremento do gasto na compra de forraxe

Herba alta nun prado chairego que as chuvia copiosas impediron cortar e ensilar
Félix Aragunde 13/05/2025 19:47 Última actualización 13/05/2025 19:56

Toda esta herba debería estar xa cortada, pero de novo o exceso de chuvia está a atrasar a campaña de ensilado. É máis, os produtores quéixanse de que este ano están a ter aínda máis perdas que o pasado.

"Bastante peor, porque o ano pasado tiñamos unha campaña de herba que nos deu unha despensa da que se está tirando agora, pero este ano hai moitísima menos pradeira feita, con moita menos herba para forraxe", sinala Antonio Balado, produtor de millo e vendedor de sementes. 

Ao mesmo tempo, a demora no ensilado e mais o frío á súa vez están a atrasar a sementeira do millo, ao igual que acontecera na campaña anterior. Daquela, os gandeiros tamén tiveran que recorrer a ciclos máis curtos e menos produtivos, co conseguinte gasto na compra de forraxe.

"Canto máis tarde deamos sacado a herba, máis tarde damos metido o millo. O problema é que despois nos vai pasar coma o ano pasado, que nos metemos no outono, empeza a chover e non se dan recollido as parcelas", engade Balado. 

De non mellorar o tempo, agárdanse, por tanto, unhas perdas millonarias nun sector que sementa cada ano unhas 75.000 hectáreas de millo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade