Rescatan dous piragüistas de 14 anos tras caer ao mar en Oleiros
Estaban adestrando na praia de Santa Cristina cando lles envorcou a canoa
Os dous mozos presentaban síntomas de hipotermia
Comezaba a anoitecer cando aos dous piragüistas de 14 anos, que estaban adestrando canda a outros seis rapaces e o preparador, lles envorcou a canoa e caeron ao mar.
"Recibimos o aviso do 112 alertando de que había dúas persoas en apuros na auga da praia de Santa Cristina. Cando chegamos ao punto, comprobamos que eran dous rapaces de 14 anos que caeran das piraguas en que ían navegando pola zona", explica Juan Suárez, coordinador do Servizo de Emerxencias de Oleiros.
Vinte minutos despois, os axentes de seguridade de Oleiros avisaban, a través do 112, de que os rapaces foran recollidos por unha embarcación particular e que se dirixían a terra.
"Un deles foi saíndo e o outro foi axudado por unha persoa que estaba facendo paddle surf. Alí é unha zona de correntes, pero, máis que nada, ao que lle custaba máis saír era polo frío e o nerviosismo"., engade Juan Suárez.
Xa en terra, onde se activou un amplo dispositivo de emerxencias, ambos os dous mozos foron atendidos polos sanitarios do 061.
"Un deles foi trasladado en ambulancia ao CHUAC con hipotermia", conclúe o Coordinador de Emerxencias de Oleiros.
Tras realizarlle as probas pertinentes, recibía a alta médica. Agora tócalles reuperarse do susto.