Repotenciar para non frear, por María Bastida
A aposta da Xunta de Galicia pola repotenciación eólica chega nun momento clave. É unha decisión económica racional nun contexto de parálise inducida que ameaza con deixar a Galicia fóra dunha das grandes transformacións produtivas da próxima década. Repotenciar implica substituír aeroxeradores obsoletos por menos unidades, máis eficientes e con maior capacidade de xeración. Con iso redúcese o impacto territorial, increméntase a produción e aprovéitase infraestrutura xa existente. Impactos relevantes nun sector no que cada atraso ten custos en investimento, emprego e competitividade.
A clave desta decisión hai que buscala no contexto no que se adopta. En Galicia, proxectos eólicos autorizados conforme á normativa vixente permanecen bloqueados durante anos por suspensións cautelares que se aplican de forma case automática. O resultado é unha notable inseguridade xurídica, probablemente un dos peores impostos imaxinables para calquera economía. Este bloqueo ten efectos moi concretos. Conxela miles de millóns de euros en investimento, frea a renovación do parque enerxético, penaliza a industria electrointensiva e debilita a posición de Galicia como territorio produtor de enerxía. Noutras palabras, limita a descarbonización da economía. E todo iso, mentres a Unión Europea acelera, con urxencia, a implantación de renovables como piar central da súa estratexia económica e xeopolítica. A contradición é evidente.
Neste escenario, a repotenciación actúa como unha vía intelixente para seguir avanzando. Permite mellorar o sistema sen abrir novas frontes territoriais e sen alimentar unha litixiosidade que xa demostrou ser incapaz de ofrecer certeza. Esta decisión encaixa ademais cun enfoque máis ambicioso da política enerxética galega. A Xunta vén defendendo que a implantación de renovables debe traducirse en beneficios económicos tanxibles para o territorio, con enerxía a prezos máis competitivos, vantaxes para os concellos afectados e unha maior vinculación entre produción eléctrica e desenvolvemento industrial. É dicir, que os custos que asume Galicia pola produción eléctrica deben ser compensados con melloras da calidade de vida das persoas que viven na contorna das instalacións e, máis concretamente, coa redución dos seus custos enerxéticos.
Repotenciar é, neste contexto, unha decisión responsable. Non esquiva o debate de fondo, pero evita que Galicia quede atrapada nunha parálise indefinida. É unha forma de protexer o interese económico do país mentres se recupera algo que hoxe escasea, a capacidade de decidir e executar políticas públicas sen que cada paso quede suspendido no aire.