Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe retira dous trens Avril en Valencia por deficiencias na seguridade e aumenta as inspeccións

Renfe retira dous trens Avril en Valencia por deficiencias na seguridade e aumenta as inspeccións

Faino logo de detectar fisuras nos eixes das rodas

É o mesmo modelo do AVE galego, pero Renfe asegura que o problema non afecta a estes trens

EFE EFE
G24.gal 04/09/2026 17:46

Renfe acordou co Sindicato Español de Maquinistas Ferroviarios (Semaf) incrementar a frecuencia das inspeccións que realiza nos bogies --os eixes onde van as rodas-- dos novos trens Avril 106 de Talgo, tras detectar fisuras nos mesmos e verse obrigada a retirar dous trens da circulación.

É o mesmo modelo do AVE galego, pero Renfe asegura que o problema non afecta a estes trens, xa que os que deron problemas teñen un ancho de eixe fixo, mentres que en Galicia é variable.

Trátase dunha das medidas que adoptou a compañía tras ter un encontro co sindicato, que reclamaba con urxencia a adopción de medidas mitigadoras para garantir a seguridade e fiabilidade dos trens.

En concreto, Renfe inspeccionará os bogies cada 5.000 quilómetros, fronte aos 10.000 quilómetros de antes, o que supón a realización dun control cada tres ou catro días, aproximadamente.

En calquera caso, a empresa xa aumentou temporalmente as inspeccións a este ritmo de dúas veces por semana tras detectar as fisuras, e as conclusións obtidas indican que, mesmo nas condicións de infraestrutura máis esixentes analizadas, unha fisura visible necesitaría percorrer aproximadamente 38.000 quilómetros para alcanzar unha dimensión potencialmente perigosa.

Os trens 106 entraron en circulación en maio de 2024 tras anos de atraso na súa entrega por parte de Talgo, o que motivou unha sanción de 116 millóns de euros para o fabricante de trens. Desde que operan deron numerosos problemas a Renfe, que lastraron a súa puntualidade.

Ademais, a compañía trasladou ao sindicato que a seguridade dos trens, dos viaxantes e dos profesionais ferroviarios "está plenamente garantida grazas ás medidas de control, inspección e prevención implantadas".

"O sistema actual de detección permite identificar con antelación o futuro dano no bogie, permitindo tomar as medidas mitigadoras que preveñen ao 100% de calquera risco, como se demostrou coa detección temperá en dúas bogies antes de que estes tivesen un dano que afectase á súa estrutura e resistencia", engade a compañía nun comunicado.

Máis retirada de trens

Entre outras medidas, Renfe tamén se comprometeu a elevar o nivel de esixencia preventivo dos criterios aplicados ao seguimento dos bogies segundo os criterios que se acorden coa representación social, unha medida que supoñerá a retirada adicional de material e a paralización de máis trens para reforzar aínda máis as marxes de seguridade establecidas.

Renfe tamén trasladou a Semaf que xa contratou con Talgo a transformación da totalidade dos trens S106 de ancho fixo en trens de rodadura desprazable. Esta actuación permitirá substituír os actuais bogies por un novo modelo de maior robustez e constitúe a solución definitiva para esta situación.

Paralelamente, a compañía mantén a súa esixencia a Talgo para que intensifique as análises técnicas, determine a orixe das incidencias detectadas e complete canto antes unha resposta definitiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos