Renfe prevé poñer máis de 350 servizos de bus ante as obras entre Redondela e Vigo
A circulación entre estas dúas estacións interromperase desde última hora de cada venres ata primeira hora do seguinte luns en seis fins de semana de setembro e outubro

Renfe estableceu un plan alternativo de transporte para viaxeiros por estrada en seis fins de semana de setembro e outubro en previsión de obras de mellora na infraestrutura viaria entre Redondela e Vigo-Guixar con máis de 350 servizos de buses, segundo informa este martes nun comunicado.
Os traballos por parte do Adif no trazado ferroviario suporán o corte ininterrompido da circulación entre estes dous puntos desde última hora de cada venres ata primeira hora do seguinte luns.
En setembro, os días de afectación serán do 5 ao 8, do 12 ao 15, do 19 ao 22 e do 26 ao 29; en outubro, do 3 ao 6 e do 24 ao 27, precisa o operador ferroviario público.
Renfe precisa nun comunicado que prevé un plan alternativo para os seus viaxeiros mediante transporte por estrada para os pasaxeiros dalgúns trens (coa programación de máis de 350 servizos de autobuses e 70 de taxis) e tamén a modificación puntual dalgúns servizos dos seus trens rexionais e dos seus servizos Alvia e Intercity.