Renfe incorpora Santiago, Vigo e A Coruña nos billetes combinados de tren e avión
Inclúe tamén Xixón e Oviedo, sumando cinco cidades ao programa Train&Fly
En canto ao Combinado Cercanías, que só operaba en Madrid, amplían este servizo a Sevilla, Málaga, Valencia, Alacant, Zaragoza e Barcelona

O programa Train&Fly de Renfe e Iberia ampliou a súa rede de destinos a cinco novas cidades, tres delas galegas. Trátase da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Xixón e Oviedo, cuxos viaxeiros poderán adquirir un billete intermodal que combina os traxectos en tren e en avión.
Train&Fly funciona como as viaxes en conexión, ao combinar nun único billete o traslado desde a cidade de orixe á terminal T4 do Aeroporto Adolfo Suárez-Baraxas, e a conexión con calquera dos máis de 90 destinos internacionais que ofrece a aerolínea.
Desta forma, Iberia e Renfe amplían o servizo Train&Fly de 15 a 20 cidades, incluíndo Albacete, Alacante, Córdoba, Granada, Málaga, Murcia, León, Ourense, Palencia, Pamplona, Salamanca, Sevilla, Valencia, Valladolid e Zaragoza, ademais das cinco novas, segundo informou Renfe nun comunicado.
Estas viaxes en conexión entre o tren e o avión ofrecen vantaxes aos viaxeiros, como a organización dos horarios para poder compatibilizar varios traxectos, a emisión de todo o itinerario nun billete que resulta máis económico que a suma dos diferentes traxectos ou a garantía dunha alternativa de viaxe en caso de perda dalgunha das conexións.
O programa tamén incorporou a rede de Cercanías das cidades de Sevilla, Málaga, Valencia, Alacante, Zaragoza e Barcelona ao Combinado Cercanías que inclúe o billete intermodal, unha opción que ata o de agora só estaba dispoñible en Madrid.