Publicador de contidos

Publicador de contidos

Regresa a neve ao interior de Galicia e complica a circulación coa meseta

Regresa a neve ao interior de Galicia e complica a circulación coa meseta

Na A-52 hai vixente unha restrición de velocidade a 60 quilómetros por hora no tramo intermedio entre A Canda e As Vendas da Barreira

Tráfico pide extremar precaucións e lembra que nevará de madrugada e tamén o mércores, afectando non so a circulación en vías comarcais, senon tamén a autovías como a A-6 e a A-52

Foto: Alto do Cebreiro, este martes pola mañá
G24.gal 27/01/2026 14:02

Joseph vén con todo. Auga, vento e tamén neve que volveu esta mañá a caer sobre as zonas de montaña de Lugo e Ourense. Pero ollo, que esta tarde a previsión indica que a cota baixa ata os 600 metros en todo o interior de Galicia.

Chove sobre mollado en toda Galicia e no interior e zonas de montaña neva sobre nevado.  "Estes días non poden ser peores. Eu levo ben de tempo aquí e nunca tan malo como foi estes días. Sobre todo o aire. Onte chovendo todo o día e agora volve outra vez nevar".

Borrasca tras borrasca, nas zonas de montaña a neve estase a volver moi habitual este inverno.

"Antes nevaba e logo viñan días bos". "Hai tempo que non tiñamos un inverno así".

As folerpas volveron caer durante a mañá nas cotas máis altas, gañando intensidade a medida que avanzaban as horas. Molesto para algúns, non tanto para outros.

"Para nós nin tan mal. Estamos xubilados e saímos porque queremos".

As folerpas mesmo se deixaron ven en Lugo capital a última hora da mañá.

Con esta meteoroloxía cómpre extremar as precaucións ao volante. A cota de neve baixa pola tarde ata os 600 metros. 

Na A-52 entre Zamora e Ourense está prohibido adiantar para pesados no tramo entre Remesal e A Canda e no que vai das Vendas da Barreira a Ábedes; así como unha restrición de velocidade a 60 quilómetros por hora no tramo intermedio entre A Canda e As Vendas da Barreira.

 As precipitacións máis importantes en forma de neve están previstas que se desenvolvan durante esta madrugada e durante a mañá do mércores. 

Máis neve o mércores, tamén na A-6 e na A-52

A previsión para este mércores en Galicia apunta que seguirá nevando, malia que a cota subirá dos 600 metros ata os 1.800 segundo avance o día.  Ante os efectos do temporal, a DXT recomenda extremar a precaución.

As precipitacións poden afectar á circulación non só das vías comarcais e locais, senón ás estradas de alta capacidade -autoestradas e autovías, tales como a A-6 (Madrid-A Coruña) e a A-52, desde Benavente a Ourense.

Ante esta situación, a DXT di que é imprescindible planificar viaxe e consultar o estado de vialidade das estradas antes de realizar desprazamentos. Lembra ademais que se se vai circular polas zonas onde hai previsión de nevaradas, hai que levar instalados pneumáticos de inverno, de todo tempo ou dispoñer de cadeas por se a súa utilización fose necesaria.

Tráfico lembra outro consello fundamental: se comeza a nevar, é imprescindible deixar libre o carril esquerdo para permitir o paso de vehículos de conservación de estradas e quitaneves.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade