A esperanza das matemáticas para solucionar realidades complexas
Os matemáticos aseguran que a súa disciplina axuda a comprender a realidade, compartir coñecemento e atopar solucións
Durante esta xornada celebráronse conferencias, obradoiros matemáticos e exposicións relacionadas coas matemáticas
O 14 de marzo celébrase o Día Internacional das Matemáticas, unha iniciativa para achegar a sociedade aos números e acadar unha mellor comprensión do mundo. Este ano o tema elixido foi "Matemáticas e esperanza", como medio para atoparlle solucións a realidades complexas.
A sanidade, a arquitectura, a enxeñería, a economía e, en xeral, a sociedade confía nas matemáticas para axudar a solucionar problemas complexos da humanidade.
"O que se busca é transmitir o que os números e as achegas das matemáticas poden facilitar á hora de responder a problemas. Se lemos o que nos conta a natureza que é a gran matemática e a gran optimizadora e se empregamos criterios científicos e de rigor podemos construír mellores solucións aos problemas que nos atinxen", describe Elena Vázquez Cendón, catedrática de Matemáticas.
Como mostra, as matemáticas en Galicia teñen nomes propios e creacións, como o primeiro mapa topográfico e científico de Domingo Fontán.
"O que fixo foi percorrer Galicia durante 17 anos buscando datos de valor para meter nunha ecuación de valor e obter a topografía de Galicia. E a motivación de Fontán era o desenvolvemento de Galicia e para isto, trazar estradas e vías de ferrocarril había que sacarlle o rostro a Galicia. E eu creo que ese é o referente da matemática industrial e do compromiso social".
Case douscentos anos despois enriba doutro mapa de papel os alumnos do proxecto Estalmat amosan a mesma paixón polas matemáticas mentres calculan os quilómetros de costa do país ou fan papiroflexia volvendo tanxibles os conceptos máis abstractos.
"Como gozas das matemáticas depende moito de como as vas comprendendo. E así empezas a ver os distintos usos que poden ter", di unha participante nos seminarios.
"Son as letras que escriben o que é o universo. Redactan todo e describen o universo e grazas a elas podemos coñecer tantas cousas!", di outra participante.
As matemáticas poden ser altofalantes, como os que deseña Nacho Porto, se as aplicamos á artesanía, poden cociñar os mellores pratos, perfectamente medidos, e servilos equitativamente. Axúdannos a planificar a axenda, saben do tempo que imos ter antes ca nós, e permitennos chegar incluso á lúa.