Refórzase a hipótese da rotura de carril como causa do descarrilamento de Adamuz
Un novo informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios conclúe como causa do descarrilamento e posterior colisión a existencia dunha rotura de carril, algo que avalarían as primareias imaxes do interior dos trens
O presidente de Renfe di que a compañía "é unha vítima máis" do accidente de Adamuz
A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) presentou un novo informe ante a xuíza da Xulgado número 2 de Montoro (Córdoba), que leva o caso do sinistro ferroviario de Adamuz, que o domingo 18 de xaneiro causou 46 falecidos e máis de 120 feridos, e conclúe como causa do descarrilamento e posterior colisión "a existencia dunha rotura de carril á altura do punto quilométrico 318,681".
A Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) descartou "anomalías" nos dous trens sinistrados. Neste informe, aínda preliminar, sinala que as súas conclusións son "provisionais", xa que a propia investigación da comisión e a que leva a cabo a Garda Civil poden achegar "novos achados".
Este novo informe da CIAF baseouse, principalmente, na análise das "caixas negras" dos dous trens sinistrados, no visionado das cámaras internas do tren Iryo, en audios da cabina do maquinista do Alvia e nos planos das obras de renovación do tramo onde se produciu o suceso.
O informe detalla que o tren Iryo circulaba a 215 quilómetros por hora cando se produciu o descarrilamento ás 19.43:21 horas, mentres que a "freada de emerxencia" do tren Alvia que chocou co anterior tivo lugar ás 19.43:37 horas, aínda que a CIAF advirte de que existe unha "marxe de erro de ata un segundo".
Así mesmo, o informe constata que ás 19.43:42 horas a caixa negra do tren Alvia deixa de rexistrar datos, polo que a CIAF entende que "presumiblemente" esa é a hora exacta da colisión entre a cabeza deste tren cos vagóns traseiros do Iryo que invadiron a vía contigua tras o descarrilamento previo.