Publicador de contidos

Publicador de contidos

Redúcense as restricións na hostalería desde esta fin de semana

Redúcense as restricións na hostalería desde esta fin de semana

O certificado covid deixa de ser obrigatorio na hostalería, pero seguirá vixente en hospitais e residencias

Amplíase a capacidade das mesas a 10 en interior e 20 en terraza

G24.gal 25/02/2022 14:15

Esta fin de semana reláxanse as restricións fronte á pandemia. O sector da hostalería, e os seus clientes, son os que máis van notar os cambios.

O Diario Oficial de Galcia, nun número extraordinario deste venres, publica os cambios que serán aplicables desde as 00:00 deste venres.

Nos locais de hostalería aumenta a capacidade das mesas: ata dez comensais no interior e 20 nas terrazas. "Paréceme unha cousa boa e espero que sexa definitivo para que volvamos ao de antes", di Manuel Requejo, propietario dun restaurante en Ourense.

Tampouco será preciso que esixan o certificado covid nin facer rexistro de clientes, trámites que ralentizaban o traballo dos hostaleiros.

"Houbo xente que tivo que poñer unha persoa unicamente para recibir o cliente e pedirlle o certificado: un custe engadido e un atraso no servizo", explica Javier Outomuro, presidente da Unión de Hostaleiros de Ourense.

Ademais, amplíase a capacidade máxima nas competicións deportivas, que volverán a ser do cen por cento a partir do próximo 4 de marzo, de conformidade co criterio establecido para todo o Estado.

E no caso dos albergues turísticos, estes tamén poderán dispoñer do cen por cento da súa capacidade “sen necesidade de exhibir o certificado Covid”.

Prórroga nos hospitais

A partir deste sábado tampouco fará falta o certificado Covid nos ximnasios, espectáculos ou competicións deportivas, pero si en hospitais e residencias, onde o TSXG acaba de autorizarlle a Xunta a prórroga ata o 12 de marzo.

Na súa argumentación, a Consellería de Sanidade recolle no DOG que nos centros sociosanitarios de maiores e persoas con discapacidade “o risco de que unha persoa que se contaxia na comunidade poida ocasionar un gromo nun centro destas características é moi elevado”.

Sanidade di que ao tratarse de “ambientes pechados nos que o propio nivel de dependencia das persoas ingresadas ou residentes favorece o establecemento de contactos próximos e prolongados cos coidadores, o que aumenta o risco de transmisión e contaxio”.

“O feito de non estar vacinado cando se accede a un centro hospitalario ou sociosanitario non só supón un maior risco para as persoas alí ingresadas e para os traballadores, senón tamén para a propia persoa que accede ao centro, pola posibilidade de establecer contacto con asintomáticos transmisores”, asegura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade