Publicador de contidos

Publicador de contidos

Recuperan en Pontevedra e Vigo botellas de viño roubadas a Pepe Vieira valoradas en 48.000 euros

Recuperan en Pontevedra e Vigo botellas de viño roubadas a Pepe Vieira valoradas en 48.000 euros

As máis de 60 foron localizadas pola Garda Civil en catro rexistros realizados en dúas vivendas de Pontevedra e noutras dúas de Vigo

A principal hipótese que manexan os investigadores é que se tratou dun roubo por encargo. Ademais dos dous detidos, que foron postos en liberdade con cargos, hai outras dúas persoas investigadas por suposta receptación do viño 

G24.gal 27/05/2026 18:45 Última actualización 28/05/2026 14:52

A maior parte das máis de sesenta botellas de viño de gran valor roubadas en marzo pasado por dous extraballadores do cociñeiro galego Pepe Vieira foron recuperadas en Pontevedra e Vigo, informou este mércores a Garda Civil.

As botellas, valoradas no seu conxunto nuns 48.000 euros, foron subtraídas do seu restaurante en Raxó, no municipio pontevedrés de Poio, e foron localizadas en catro rexistros realizados en dúas vivendas de Pontevedra e noutras dúas de Vigo.

As investigacións permitiron identificar como presuntos autores do roubo dous exempregados do restaurante, de 18 e 24 anos. Non forzaron nada porque tiñan unha chave e coñecían os códigos da alarma e da caixa forte de onde levaron uns 9 mil euros e outros 1.000 da caixa de propinas.

Cando os detiveron, incautáronlles 19 das botellas roubadas. O resto das botellas localizáronse por unha carambola. Vendéranllas a un presunto narcotraficante que caeu nunha recente operación policial. Tras os rexistros do seu domicilio e doutro cómplice, deron co resto do viño, que estaba en óptimas condicións.

Sospéitase que foi un roubo por encargo 

A principal hipótese dos investigadores é que se tratara dun roubo por encargo, debido ao elevado valor das botellas de viño subtraído.

O asalto ao restaurante do cociñeiro pontevedrés, con dúas estrelas Michelin, produciuse na madrugada do pasado 18 de marzo e os dous sospeitosos, dous empregados que deixaran de traballar uns meses antes, poderían acceder ao local cunha chave copiada.

Tras desactivar a alarma, aproveitaron o seu coñecemento das instalacións, apoderáronse do diñeiro que había na caixa forte, uns 9.000 euros, segundo os investigadores.

A continuación, baixaron á adega do restaurante e subtraeron numerosas botellas de viño da marca Sketch, que se vende case en exclusiva en poucos restaurantes como o de Pepe Vieira, ademais doutras marcas de importante valor.

Os dous sospeitosos foron detidos un mes despois do roubo e quedaron en liberdade con cargos tras declarar ante as autoridades.

O viño roubado está avaliado en preto de 50 mil euros. Pero para o chef o valor das botellas transcende o material. Emocionalmente foi un mazazo pola decepción e a traizón, pero Pepe Vieira tirou unha aprendizaxe: a necesidade de reforzar a seguridade no restaurante.​​​

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade