Publicador de contidos

Publicador de contidos

Recomendacións para conducir con seguridade nos días de neve

Recomendacións para conducir con seguridade nos días de neve

Tráfico aconsella levar o coche na marcha máis larga 

Fronte ás cadeas, cada vez empréganse máis os pneumáticos aptos para a neve

G24.gal 22/01/2026 16:39

Máquinas quitaneves e persoal están xa en alerta para actuar nas estradas que se poden ver máis afectadas.

Durante estes días moitos vehículos amencerán cheos de xeo causa do temporal, e mesturar auga con alcohol é o mellor xeito de limpar o parabrisas.

"Nin botar auga quente, nin rascar e facer un buratiño como fai moita xente que é perigosísimo", advirte o capitán da Garda Civil de Tráfico de Ourense.

Mellor, din, non coller o coche a non ser que sexa estritamente necesario. Se se fai, consultar o estado das vías, levar o depósito cheo e cadeas ou pneumáticos de inverno.

 

Xa ao volante o que hai que facer é "levar sempre unha boa distancia de seguridade, conducir nunha marcha o máis larga posible e conducir coa máxima suavidade. Procurar evitar freadas ou aceleradas bruscas", conta Javier Barja. 

"Se vemos que o vehículo perde adherencia manter a velocidade e non perder a calma".               

As quitaneves están xa preparadas para garantir a circulación nas estradas provinciais de Ourense, onde o 40 por cento da rede viaria está por riba dos 700 metros.

"Xa hai camións situados por toda a provincia e desde aquí pasamos de forma preventiva para ter as estradas abertas, sobre todo en zonas onde hai máis afluencia de tráfico", conta Moisés Díaz, condutor de quitaneves. 

"Temos un operativo duns 30 equipos mecánicos distribuídos por toda a provincia e un humano dunhas 60 persoas" explica o Xefe do parque de Máquinas da Deputación de Ourense.

Equipos que se unen aos da Xunta, ao Estado ou aos propios concellos para garantir a circulación nas principais vías de comunicación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade