Recollido o 90 % da vertedura de aceite de palma na ría de Vigo
A Autoridade Portuaria de Vigo e os servizos de Gardacostas da Xunta continúan traballando de forma coordinada no operativo
Esperan poder alcanzar a limpeza total no prazo desta semana
A Autoridade Portuaria de Vigo e os servizos de Gardacostas da Consellería do Mar e da Consellería de Medio continúan traballando coordinadas no operativo de loita contra a vertedura de aceite de palma ocorrido o pasado xoves no peirao de Guixar.
Nestes momentos logrouse recoller o 90 % da vertedura das zonas afectadas. Segundo informou a Autoridade Portuaria, na contorna de estaleiros San Enrique recolleuse a maior parte da vertedura.
Na dársena exterior retiraranse os restos que quedan desde a auga co apoio da embarcación Pelícano, cuxo obxectivo é recoller o material máis miúdo, garantindo que non quede absolutamente nada no mar, mentres que os dous guindastres concentrarán o seu traballo na dársena interior.
Pola súa banda, a limpeza das praias está practicamente finalizada. Os equipos desprazados a Moaña, en coordinación coa Consellería de Medio Ambiente, céntranse agora na retirada de pequenos restos e na revisión dalgunhas pequenas áreas residuais que se detectaron.
Dado que se trata dun traballo delicado de seguimento, os equipos continuarán avanzando durante os próximos días, nos que os traballos incluirán revisións, retirada de barreiras e limpeza exhaustiva.
O compromiso é manter as operacións ata que haxa unha garantía ao 100 % de que non queda ningún resto da vertedura. "A evolución da situación é positiva, e espérase poder alcanzar a limpeza total no prazo desta semana".